Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos non concellos da Pobra do Caramiñal e de Ribeira


― Estes traballos están levándose a cabo nos treitos interurbanos do río Esteirón e nun río innominado, nunha lonxitude de 255 metros

― Estas intervencións enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

― Estes traballos teñen como obxectivo mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Esteirón e nun río innominado ao seu paso polos concellos da Pobra do Caramiñal e de Ribeira.

As actuacións que se están a desenvolver nestes ríos suman unha lonxitude total de 255 metros, nos seus percorridos por distintos lugares destes dous municipios.

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e o uso social na contorna dos ríos.